Os maios son unha das festas populares máis antigas e fermosas de Galicia. Celébranse coa chegada da primavera, con especial relevancia o 1 de maio, e simbolizan a renovación da natureza, a vida que esperta e a alegría do bo tempo.
Tradicionalmente, constrúense figuras cónicas con elementos como musgo, fentos, ovos, flores, follas ou fiúncho, arredor das que se cantan cantigas populares mentres son transportados polas rúas.
No noso colexio, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria mergullouse nesta tradición investigando que son os maios, e elaborando o seu propio maio para despois compartir o traballo cos seus compañeiros e compañeiras de ciclo. E como non podía faltar… cantaron as súas cantigas!
Nesta noticia veredes as fermosas imaxes e vídeos do proceso de elaboración e da celebración no patio do colexio.



