O pasado venres 6 de marzo o colexio celebrou unha xornada especial con motivo do Día Internacional da Muller, co obxectivo de facer unha pausa, reflexionar e recoñecer o verdadeiro sentido do 8M.
A iniciativa buscaba sensibilizar ao alumnado, fomentar a reflexión persoal, visibilizar referentes femininos próximos e crear un símbolo común de recoñecemento ás mulleres que contribuíron e continúan contribuíndo á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Un dos elementos centrais da xornada foi o traballo realizado polo alumnado da Rede de Mozos Solidarios, que durante varias semanas preparou unha exposición moi significativa. Nela destaca un maniquí que rende homenaxe a mulleres representativas de Galicia, acompañado de explicacións sobre quen son e por que a súa pegada continúa sendo importante na sociedade actual.
Ademais, o resto do alumnado do centro tamén participou activamente na celebración. Cada estudante puido escribir o nome dunha muller que lle inspira, debuxar o seu referente ou compartir unha palabra ou un dereito que considera imprescindible seguir reivindicando.
De entre todas estas achegas, algunhas pasaron a formar parte da exposición instalada na portería do colexio, que poderá visitarse durante varios días e que recolle as reflexións, ideas e referentes propostos polo propio alumnado.



