O alumnado de 3º de ESO participou no proxecto educativo “Comer ben, vivir mellor”, desenvolvido na materia de Bioloxía, unha iniciativa que combinou ciencia, reflexión e creatividade coa finalidade de promover hábitos alimentarios máis saudables e responsables.
Ao longo de varias sesións de traballo, o alumnado investigou os nutrientes e a dieta equilibrada, analizou os seus propios hábitos alimentarios e reflexionou sobre o impacto da alimentación na saúde, no medio ambiente e na sociedade. Como parte deste proceso, tamén elaboraron propostas de mellora para o centro, co obxectivo de avanzar cara a un estilo de vida máis sostible.
Como produto final, o alumnado creou un podcast no que comparte as conclusións das súas investigacións e reflexións, invitando á comunidade educativa a apostar por unha alimentación máis consciente. Este podcast é só un exemplo dos marabillosos traballos sonoros que elaboraron os nenos e nenas, demostrando o seu compromiso coa saúde individual e co coidado do planeta.



