O alumnado de 6º de Educación Primaria levou a cabo un fermoso proxecto na materia de Lingua Galega, no que puxeron a mirada na infancia dos seus avós e avoas.
Os menos e nenas convertéronse en pequenos investigadores: entrevistaron ás súas familias, formularon preguntas, recompilaron lembranzas e descubriron como era a escola noutra época. Como eran as aulas? Que materias estudaban? Había uniforme? Como era a relación co profesorado? Estas e outras cuestións permitíronlles coñecer de primeira man unha realidade ben distinta á actual.
Con toda a información recollida, elaboraron unha presentación que posteriormente expuxeron diante dos seus compañeiros e compañeiras.
Elena, unha das nosas alumnas, cóntanos como viviu a preparación deste traballo:
“Este traballo foi unha oportunidade de coñecer máis cousas da miña avoa. Gocei moito escoitando as historias que me contou, e ela aínda máis recordando anécdotas e compartíndoas comigo.
Ademais, tamén me serviu para saber como eran antigamente os colexios. Como cambiaron!
Paréceme que este traballo é unha oportunidade perfecta para pasar un bo intre co teu avó ou avoa, no que haberá moitas risas, nostalxia e, sobre todo, aprendizaxe.”
Elena Vidal, alumna de 6ºEP



