O que somos, o que educamos, o que compartimos
Querida comunidade educativa:
Estreabamos este curso unha nova etapa para O NOSO LAR, cun deseño máis dinámico, máis aberto e, que reflexa que somos unha comunidade educativa viva en constante búsqueda de oportunidades.
Nesta liña de apertura, inauguramos unha nova sección: o Laboratorio de Ideas. Un espazo que nace da convicción de que o talento do noso alumnado precisa canles onde expresarse. Aquí atopamos propostas que xorden da curiosidade, do pensamento crítico e do desexo de transformar.
Neste trimestre, a revista pon o foco nunha dimensión esencial do noso colexio: o valor da aprendizaxe rigorosa, o pensamento crítico e a curiosidade intelectual. As matemáticas, as Olimpíadas de Física e Química, os traballos do noso alumnado —especialmente de quen afronta o tramo final da súa etapa en 2º de Bacharelato— ou as propostas que invitan a cuestionar, analizar e comprender mellor o mundo, son reflexo dunha educación que non se conforma con transmitir contidos, senón que aspira a formar persoas conscientes , competentes e rigorosas.
Pero nun colexio da Compañía de Xesús, o académico nunca camiña só.
Este trimestre recolle tamén momentos que nos lembran quen somos e cara a onde queremos camiñar. A celebración da Semana das Migracións, co Día do Migrante como eixo, axudounos a poñer corazón a unha realidade que interpela profundamente a nosa identidade. Culminamos esa semana co Acto pola Paz, que, malia a incerteza do tempo, atopou nunha tregua da chuvia o símbolo perfecto: a posibilidade de reunirnos no patio da igrexa.
Do mesmo xeito, a Semana Ignaciana volveunos situar no centro da nosa misión. A través de actividades, obradoiros e espazos de reflexión, o noso alumnado comprendeu que formar parte dun colexio xesuíta é tamén aprender a mirar a realidade con profundidade, a comprometerse con ela e a descubrir no camiño a presenza de Deus.
E se hai algo que soubo recoller e proxectar todo isto máis alá das nosas aulas, foi o vídeo que recentemente compartimos coa nosa comunidade educativa. Da man de Rodrigo Mezerai, alumno de 2º de Bacharelato, e Marina Cortés, alumna de 6º de Educación Primaria, quixemos amosar non só as nosas instalacións, senón, sobre todo, a nosa esencia. Un vídeo dinámico, próximo e auténtico, que pon voz e rostro ao que somos e ao que queremos ser. A acollida, tanto dentro como fóra da nosa contorna máis próxima, confírmanos que cando a mensaxe é verdadeira, chega.
Seguimos camiñando.
Equipo de redacción.