Mirar atrás con gratitude, mirar adiante con esperanza
Querida comunidade educativa:
Coa chegada de xuño, os corredores do colexio comezan a despedirse das carreiras de cada mañá, as aulas gardan as últimas aprendizaxes e as mochilas empezan a encherse de recordos que nos acompañarán durante moito tempo.
Este último trimestre regalounos algúns deses momentos que dan sentido á nosa tarefa educativa. Compartimos excursións, convivencias, festivais, celebracións e encontros que puxeron a guinda a un ano de crecemento persoal e académico. Vivimos as nosas festas colexiais, que cada curso volven a lembrarnos que somos moito máis que un centro educativo: somos unha comunidade que camiña unida. E, como marca a nosa tradición, puxémonos baixo o amparo de María na ofrenda á Virxe, un momento que reúne a toda a comunidade educativa ao redor daquilo que nos une.
Tamén tivemos a oportunidade de celebrar a quen tantas veces sosteñen silenciosamente o noso día a día: os avós. A Celebración dos Avós lembrounos que son un verdadeiro tesouro, exemplo de entrega xenerosa e presenza constante na vida dos nosos nenos e nenas. O seu cariño, o seu tempo e a súa dispoñibilidade forman parte indispensable da educación de moitas xeracións.
Este trimestre foi tamén tempo de despedidas e de novos comezos. Os nosos alumnos de 6º de Educación Primaria pecharon unha das etapas máis importantes da súa vida escolar cunha convivencia especial e inesquecible en Javier, cuna de San Francisco Javier, descubrindo a figura de quen soubo vivir con valentía e entrega a súa vocación de servizo. Do mesmo xeito, os nosos alumnos de Bacharelato celebraron a súa gradación. Vémolos partir con emoción e orgullo, conscientes de que levan consigo un xeito de mirar o mundo, de relacionarse cos demais e de comprometerse coa realidade que lles rodea.
Entre as moitas alegrías destes meses, queremos destacar tamén o recoñecemento obtido no concurso e vídeos que Educsi convoca con motivo da Semana do Bo Trato e Coidado. Grazas á colaboración de varios alumnos de 3º de ESO, o noso vídeo resultou gañador entre todos os centros da Compañía de Jesús en España que se presentaron. Máis aló do premio, énchenos de satisfacción que a mensaxe de respecto, coidado e bo trato que intentamos transmitir cada día atopa eco e recoñecemento. Educar é, precisamente tamén, aprender a coidar e a deixarnos coidar.
A principios de xuño, ademais, un grupo de alumnos tivo a oportunidade de participar en Madrid nun encontro coincidindo coa visita do Papa León XIV ao noso país. Nun das súas mensaxes aos mozos, o Santo Padre animáballes a ser “faros de esperanza para o mundo”. Unha invitación que conecta profundamente coa nosa misión educativa: formar persoas capaces de iluminar a súa contorna coa forza da fe, a xustiza, a compaixón e o servizo.
Ao pechar estas liñas, só queda dar as grazas. Grazas aos nosos alumnos polo seu esforzo e alegría; ás familias pola súa confianza; aos educadores pola súa dedicación diaria; ao persoal de administración e servizos, paraescolares, e a todas as persoas que fan posible que este colexio siga sendo un lugar onde crecer, aprender e descubrir a Dios presente no camiño.
Esperamos que este novo formato da revista, complementado coas newsletters trimestrais que fomos compartindo durante o curso, fose unha ferramenta útil para achegarvos a vida do colexio.
Desexámosvos un feliz verán, tempo de descanso, encontro e renovación. Que poidamos volver en setembro co corazón agradecido e coa ilusión de seguir construíndo xuntos este proxecto educativo que compartimos.
Feliz verán a todos.
Equipo de redacción.
Xuño 2026