Unha nova mirada, o mesmo espírito
Querida comunidade educativa:
Neste novo curso 25-26, O NOSO LAR renace cun formato renovado, máis visual, máis dinámico e máis aberto á participación de todos. A nosa revista, que dende hai anos recolle a vida do colexio, dá un paso adiante e adáptase aos tempos: agora poderemos descubrir novas a través doutras novas, mergullarnos más experiencias dos nosos alumnos e seguir o día a día do colexio dun xeito máis interactivo e próximo.
Este cambio non é só unha cuestión de deseño. Como no camiño da pedagoxía ignaciana, O NOSO LAR quere escoitar, discernir e transformar. Escoitar o que sucede ao noso arredor, discernir o que é esencial e transformalo en aprendizaxe. Porque a comunicación, como a educación, é un proceso vivo, que nos chama a mirar máis fondo, a descubrir a presenza de Deus en todo o que acontece e a buscar sempre novas formas de servir.
Comezamos así un curso cheo de ilusión que desexamos sexa próspero para todo o noso alumnado. Nesta nova etapa, O NOSO LAR seguirá sendo o noso espazo común, o fogar onde se recollen as historias máis representativas do colexio, onde cada páxina é unha xanela aberta á vida do Apóstol.
Benvidos a esta nova edición. Benvidos a unha nova maneira de mirar, sentir e contar o que somos.
Equipo de redacción.